"Os plans funcionais serán o instrumento de adecuación das actuais condicións de traballo ao acordo e serán negociados cos traballadores das unidades e servizos.
Os plans funcionais serán tamén no sucesivo a ferramenta para recoller a adecuación das condicións de traballo á prestación asistencial e á organización desta, segundo se dispoña pola planificación da dirección do Sergas ou dos centros, en función
das respectivas competencias.
O plan conterá a programación funcional da unidade/servizo e o seu contido mínimo versará sobre as seguintes materias: vixencia da programación e a súa revisión; carteira de servizos; determinación de postos de traballo, coas súas características funcionais; horario dos postos, carteleira anual de presenzas e rotación; formas regradas de participación de todos os profesionais ante indispoñibilidade puntual de persoal para a cobertura de quendas de traballo; previsión de vacacións que se van desfrutar, horarios de reunión de traballo e horarios das sesións clínicas.
Poderán engadirse todas aquelas materias que os traballadores e a dirección dos centros acorden.
A programación funcional nas materias relacionadas coas condicións de traballo será negociada co persoal da unidade e cos representantes dos traballadores das organizacións asinantes deste acordo, procurando o máximo consenso no seu deseño. De non haber acordo a dirección realizará a programación anual mediante resolución motivada da dirección competente."
Texto sacado do Artigo 4.1 do Acordo de Urxencias Hospitalarias 2007